sábado, 25 de febreiro de 2017

Entroido en Galicia



ENTROIDO EN COBRES, VILABOA (Pontevedra)

Madamas e Galans.


As Madamas e Galans de Cobres cos seus vistosos traxes e puchos.

O tradicional "Antroido Dos Cobres", segundo escritos da época, remóntase a principios do século XVIII e debe a súa actual vixencia á tradición oral que foi transmitindo o interese e participación na festa de xeración a xeración. Esta herdanza cultural transmitida de pais a fillos, de avós a netos logrou manter viva e presente unha celebración colectiva sorprendente e particular. 
As "Madamas" e "Galans" percorren distintos lugares das parroquias de Santa Cristina e San Adrián, acompañados por unha charanga ( grupo de músicos), que ao son da música agasallan cos seus bailes aos presentes, alí por onde pasan. (Era tradición ir de porta en porta a xunto dos veciños, especialmente a aqueles que por algún motivo non podían asistir a festa do Entroido (convalecencia, indisposición,...). Agora reúnense en Santa Cristina e fan alí as danzas, sendo á principal a "Danza dos Cobres".
Na tradición meses antes do comezo do Antroido os Galans van en busca das Madamas e logo comeza a preparación dos traxes e sombreiros. Son coidadosamente elixidas as cintas, abalorios e adornos para os sombreiros, combinados en perfecta armonía, que levan tanto as Madamas coma os Galans.
A Madama viste cunha blusa e peitoril, saia branca, ambas adornadas con cintas de cores e pasamanerías diversas, zapatos negros e medias finas. O sombreiro de Madama pode chegar a pesar sete quilo, debido á cantidade de pequenos adornos que con coidado e detalle son cosidos e pegados artesanalmente ao igual que as cintas.
A vestimenta do Galan vai en consonancia coa Madama coa que baila. Levan camisa branca con adornos de cintas de cores, corbata vermella, pano de seda que cobre a cintura ata os xeonllos, pantalón branco con liña lateral de cor azul (coma a bandeira galega) e zapato negro e sombreiro de flores.

Agradecemos o video e a información a PontevedraTV, subido o 27 de febreiro de 2.011

Ningún comentario:

Publicar un comentario