venres, 19 de febreiro de 2016

OS MOUSSAKIS darán un concerto didáctico en Vigo

 

 

 

Auditorio municipal

Música dos Balcanes "dentro dunha maleta" para os escolares vigueses

A Fundación "la Caixa" e o Concello de Vigo organizan o concerto didáctico "Los Moussakis"

27 Enero 2016 por
En colaboración co Concello de Vigo, a Fundación Bancaria "la Caixa" oferta aos centros educativos da cidade catro sesións do concerto didáctico "Los Moussakis. Música de los Balcanes dentro de una maleta", dirixido a escolares de entre os 8 e os 16 anos.
Os concertos celebraranse no Auditorio municipal os días 17 e 18 de febreiro, en dúas sesións diarias, ás 10,00h e ás 12,00h. O programa complétase cunha xornada de formación para os profesores de música dos colexios participantes, a cargo dun pedagogo musical.
Este espectáculo forma parte do programa de músicas do mundo do Departamento de Música de Fundación Bancaria "la Caixa", e pretende ofrecer algo máis que un concerto, xa que a música serve de veículo para achegarse a diferentes culturas; neste caso, á música dos Balcáns, co obxectivo de fomentar a integración e a convivencia e, á vez, propoñer unha serie de actividades de natureza interdisciplinaria que o alumnado poderá desenvolver en clase, antes e despois da audición, tal e como se indica no dossier educativo que se facilitará a cada mestre ou profesor asistente. Este material permitirá achegarse á música balcánica e aos seus instrumentos, pero tamén fala da súa xeografía e da súa historia. Máis alá dos contidos académicos, o dossier ofrece ferramentas para promover o respecto ás diferentes culturas e á vez, é un bó recurso para a integración.
A península dos Balcáns representa un auténtico crisol de etnias, linguas, relixións e culturas moi diversas. Cada viaxeiro foi sempre acompañado de cancións e melodías que foron conformando a rica tradición musical deste territorio. Os Moussakis teñen recuperado a tradición de acompañar coa súa música os grandes acontecimentos: festas, bodas, bautizos ou funerais. Nas súas maletas pódese atopar a música klezmer e sefardita dos xudeus, o estoupido de enerxía dos nómadas xitanos, cancións populares de Turquía, Grecia ou Macedonia e melodías procedentes de Serbia, Bulgaria… e un sinfín de notas musicais que permiten achegarse ao mosaico cultural desta zona de Europa oriental.
O ciclo de concertos compleméntase cunha Xornada de formación para profesores de música, a cargo dun pedagogo musical.
 

                                                     Los Musakis. / Foto: Concello de Vigo

Ningún comentario:

Publicar un comentario