mércores, 30 de agosto de 2017

A festa da Idade Media en Pontevedra

 Que é a Feira Franca?

A Feira Franca é, dende hai anos, unha cita ineludíbel para as xentes de Pontevedra e os milleiros de visitantes que veñen gozar dela, procedentes de todos os recunchos do país e máis alá das nosas fronteiras; un peche apoteósico dos días de verán creado por e para a xente; unha viaxe ao século XV participada por toda unha cidade; unha vivencia única habitada por artesáns, canteiros, ferreiros, palilleiras, cesteiros, oleiros, redeiras, carpinteiros, músicos, xograres, campesiños, toneleiros, artistas, comerciantes, damas e cabaleiros que nos achegan o tempo do privilexio concedido a Pontevedra polo rei Henrique IV, no ano 1467, en virtude do cal se autorizaba a celebración dun mercado libre de impostos dun mes de duración.

A Feira Franca, que ten lugar na zona monumental da capital do Lérez todos os anos na primeira fin de semana de setembro, toma forma dende o ano 2000 coa organización de diversas actividades lúdicas de raigame histórica, que van dende a representación do transporte do viño ou o imperdíbel torneo medieval, ata os espectáculos de cetraría, tiro con arco, esgrima ou as exhibicións de música e danza que enfeitizan as xornadas do venres a partir do serán e mais de todo o sábado. Pero, sobre todo, o que fai especial e distinta esta festa medieval, declarada Festa de Interese Turístico pola Xunta de Galicia en 2013, son os milleiros de persoas que se visten de época para xantaren nas prazas e rúas, en mesas montadas e decoradas por elas mesmas, seguindo as pertinentes normas estéticas e utilizando tan só materiais existentes na segunda metade do século XV, conformando unha obra deleitosa na que o público é tamén actor sobre o escenario da cidade vella.

Un pouco de historia

Contan os bandos que sucan o tempo e a luz das estrelas que corría o ano 1467 cando o rei Henrique IV de Castela lle outorgou a Pontevedra, daquela a principal vila de Galiza, o privilexio para instaurar un mercado libre de impostos dun mes de duración, quince días antes e outros quince despois do 24 de agosto, festividade de San Bartolomeu. E foi co fin de lembrar aquela concesión que a comezos do século XXI o departamento de Festas do Concello de Pontevedra decidiu recrear un mercado medieval na Praza da Ferraría, convidando a todos os veciños e veciñas a integrárense na celebración dese fito histórico.

Co transcorrer dos anos, tal foi a boa acollida da iniciativa entre as xentes de Pontevedra, que se fixo preciso estender os lindes do espazo da festa paulatinamente, ata abranguer a totalidade da zona monumental e mesmo algunhas áreas limítrofes. A Praza da Ferraría mantivo, porén, a súa condición de centro neurálxico, e consolidouse como o lugar escollido para a representación de oficios tradicionais. Pola súa banda, na Praza de Santa María acabaríanse instalando a meirande parte dos artesáns, e a alameda e mais a Praza de Curros Enríquez contarían co maior número de postos de alimentación. E velaquí que a medida que se sucedían as edicións, a cantidade de persoas que se vestían de época e solicitaban participar ben como artesáns, hostaleiros ou na sección de xantares e ceas na rúa era tamén cada vez maior, ata chegar ás máis de 500 peticións da actualidade.

E foi por mor de que a masificación non implicase un deterioro da festa, que se implementaron normas de obrigado cumprimento en cada unha das categorías existentes: Mercado, Hostalaría e Xantares e Ceas. Dese xeito logrouse asegurar que primase a calidade dos postos e mais dos produtos, así como da estética da escenificación. Algo que, sen dúbida, valoran os máis de 100.000 visitantes que se achegaron nas últimas edicións á nosa Boa Vila o primeiro sábado de setembro, día grande da Feira Franca.
Así é que, co acubillo de toda a cidade, dende o ano 2000 facemos unha viaxe no tempo ao noso pasado, mais como todo o universo dos devanceiros non pode abranguerse nun día, a organización decidiu adicar a un tema concreto cada edición; e xa podemos dicir que visitamos o mundo dos Irmandiños no ano 2006; sucamos o mar do medievo en 2007; homenaxeamos a agricultura ao ano seguinte; cantamos cantigas de Amor, escarnio e maldicir en 2009; acollemos os camiñantes no 2010; lembramos o comercio de antano no 2011; os xogos populares en 2012; no 2013 os inventos; aprendemos astronomía no 2014, centrámonos na alquimia no 2015 e gozamos coa música en 2016
Vídeo de arranque da Feira Franca do 2.016
 

Agradecemos o video a Galiaé xornal galego, publicado o 02/09/2.016. 

Agradecemos o video de fotos da Feira Franca de Pontevedra 2016 a D. Laureano Gallego, publicado o 05/09/2.016

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario