Que é a Feira Franca?
A Feira Franca é, dende hai anos, unha cita ineludíbel para
as xentes de Pontevedra e os milleiros de visitantes que veñen gozar
dela, procedentes de todos os recunchos do país e máis alá das nosas
fronteiras; un peche apoteósico dos días de verán creado por e para a
xente; unha viaxe ao século XV participada por toda unha cidade; unha
vivencia única habitada por artesáns, canteiros, ferreiros, palilleiras,
cesteiros, oleiros, redeiras, carpinteiros, músicos, xograres,
campesiños, toneleiros, artistas, comerciantes, damas e cabaleiros que
nos achegan o tempo do privilexio concedido a Pontevedra polo rei
Henrique IV, no ano 1467, en virtude do cal se autorizaba a celebración
dun mercado libre de impostos dun mes de duración.
A Feira Franca, que ten lugar na zona monumental da capital do Lérez
todos os anos na primeira fin de semana de setembro, toma forma dende o
ano 2000 coa organización de diversas actividades lúdicas de raigame
histórica, que van dende a representación do transporte do viño ou o
imperdíbel torneo medieval, ata os espectáculos de cetraría, tiro con
arco, esgrima ou as exhibicións de música e danza que enfeitizan as
xornadas do venres a partir do serán e mais de todo o sábado. Pero,
sobre todo, o que fai especial e distinta esta festa medieval, declarada
Festa de Interese Turístico pola Xunta de Galicia en 2013, son os
milleiros de persoas que se visten de época para xantaren nas prazas e
rúas, en mesas montadas e decoradas por elas mesmas, seguindo as
pertinentes normas estéticas e utilizando tan só materiais existentes na
segunda metade do século XV, conformando unha obra deleitosa na que o
público é tamén actor sobre o escenario da cidade vella.
Un pouco de historia
Contan os bandos que sucan o tempo e a luz das estrelas que
corría o ano 1467 cando o rei Henrique IV de Castela lle outorgou a
Pontevedra, daquela a principal vila de Galiza, o privilexio para
instaurar un mercado libre de impostos dun mes de duración, quince días
antes e outros quince despois do 24 de agosto, festividade de San
Bartolomeu. E foi co fin de lembrar aquela concesión que a comezos do
século XXI o departamento de Festas do Concello de Pontevedra decidiu
recrear un mercado medieval na Praza da Ferraría, convidando a todos os
veciños e veciñas a integrárense na celebración dese fito histórico.
Co transcorrer dos anos, tal foi a boa acollida da iniciativa entre
as xentes de Pontevedra, que se fixo preciso estender os lindes do
espazo da festa paulatinamente, ata abranguer a totalidade da zona
monumental e mesmo algunhas áreas limítrofes. A Praza da Ferraría
mantivo, porén, a súa condición de centro neurálxico, e consolidouse
como o lugar escollido para a representación de oficios tradicionais.
Pola súa banda, na Praza de Santa María acabaríanse instalando a
meirande parte dos artesáns, e a alameda e mais a Praza de Curros
Enríquez contarían co maior número de postos de alimentación. E velaquí
que a medida que se sucedían as edicións, a cantidade de persoas que se
vestían de época e solicitaban participar ben como artesáns, hostaleiros
ou na sección de xantares e ceas na rúa era tamén cada vez maior, ata
chegar ás máis de 500 peticións da actualidade.
E foi por mor de que a masificación non implicase un deterioro da
festa, que se implementaron normas de obrigado cumprimento en cada unha
das categorías existentes: Mercado, Hostalaría e Xantares e Ceas. Dese
xeito logrouse asegurar que primase a calidade dos postos e mais dos
produtos, así como da estética da escenificación. Algo que, sen dúbida,
valoran os máis de 100.000 visitantes que se achegaron nas últimas
edicións á nosa Boa Vila o primeiro sábado de setembro, día grande da
Feira Franca.
Así é que, co acubillo de toda a cidade, dende o ano 2000 facemos
unha viaxe no tempo ao noso pasado, mais como todo o universo dos
devanceiros non pode abranguerse nun día, a organización decidiu adicar a
un tema concreto cada edición; e xa podemos dicir que visitamos o mundo
dos Irmandiños no ano 2006; sucamos o mar do medievo en 2007;
homenaxeamos a agricultura ao ano seguinte; cantamos cantigas de Amor,
escarnio e maldicir en 2009; acollemos os camiñantes no 2010; lembramos o
comercio de antano no 2011; os xogos populares en 2012; no 2013 os
inventos; aprendemos astronomía no 2014, centrámonos na alquimia no 2015
e gozamos coa música en 2016
Vídeo de arranque da Feira Franca do 2.016
Agradecemos o video a Galiaé xornal galego, publicado o 02/09/2.016.
Agradecemos o video de fotos da Feira Franca de Pontevedra 2016 a D. Laureano Gallego, publicado o 05/09/2.016